mércores 24/02/21

Migracións

Cando un animal migra pensa sempre no seu retorno aos lugares de orixe. A natureza é abondosa en exemplos do que escribo. Pénsese nas anguías que van desovar ao Mar dos Argazos para logo retornar aos seus ríos de orixe. Outro tanto acontece cos salmóns, que adoitan ser fieis á corrente de auga onde naceran. Pénsese nos atúns vermellos que cada ano, chegados os meses de abril e maio, entran en cardume inmenso no Mediterráneo para desovar e despois, pasado ese período reprodutivo, comezan a espallarse pola augas temperadas do Atlántico, de Hammerfest a Dakar, do Golfo de San Lourenzo até o de Bizkaia. O mesmo acontece coas aves migratorias, que van pasar o inverno en latitudes máis tépedas e logo retornan por volta da primavera. 

E que acontece con nós, cos humanos? Cando é que partimos e cando regresamos á casa matriz (esa especie de reflexo umbilical, que nos une á terra de nación). Aí afastámonos da natureza, pois o noso regreso, caso de acontecer, nin sempre é cando nós quixeramos, senón que adoitamos pasar longas tempadas antes de regresar, entre outras razóns por temor –confirmado– a non ser ben recibidos no lugar de orixe. As nosas son migracións unha chisca aloucadas e tantas veces condicionadas por factores externos á natureza e mesmo á vontade. Saimos, case sempre, fuxindo de algo ou de alguén, por razóns políticas ou económicas, por sentir o rexeitamento na sociedade de orixe por mor dalgunha das múltiples causas que esta foi argallando para a humillación. As condicións de retorno danse ou non se dan sen que nós teñamos, ás máis das veces, as chaves para modificar a situación e poder actuar á vontade. 

Migrei varias veces e retornei outras varias, máis levado pola ilusión que polo realismo. En todas elas tiven que volver a emigrar polo rexeitamento sufrido nesta sociedade ingrata, viscosa, pegañenta. Este verán fareino outra vez, con vontade de ficar e como os salmóns quixera entrar nas augas das rías na procura das orixes. Acolleranme?

comentarios