Opinión

Migracións climáticas

Paseando polas ribeiras do Sar, entre o Muíño dos Concheiros e o lugar de Lamas, dificilmente un pensaría na existencia do cambio climático. Por razóns que abraian mais que preocupan a natureza mantívose nese lugar semellante a como eu a coñecín na miña infancia, hai máis de medio século. Lugares como ese hai moitos, mais trátase sen dúbida de espellismos ou burbullas ecosistémicas, pois, en saíndo dese camiño ou dos varios lugares onde a conservación do ecosistema autóctono persiste, as agresións ao medio ambiente son a norma. 

En breve celebrarase a cimeira do COP-26, que trata do cambio climático. Falarán de medidas urxentes e de accións radicais para combater o mudar do clima. Marcarán prazos para non cumprilos deixando as solucións radicais para un futuro indefinido. Pouco poderemos facer para reverter a situación que semella levar unha deriva inexorábel. O mal está feito e semella irreversíbel a curto prazo. Poderemos frear a velocidade do mudar do clima, paliar os seus síntomas, tratar algunhas das feridas infrinxidas sobre a codia do planeta, sobre o subsolo e os acuíferos, na cerna do ecosistema mariño. 

Fontes do Alto Comisariado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) cifran en 80 millóns de desprazados en 2019 por mor das consecuencias do cambio climático. Estas migracións súmanse a aqueloutras resultado de conflitos bélicos activos ou ditaduras políticas e/ou teocráticas. Estas migracións masivas na procura de seguridade, de refuxio, de oportunidade para refacer unha vida tronzada pola desgraza, van ocasionar tensións maiores nas sociedades receptoras. A xestión desas tensións é un dos grandes desafíos dos gobernos dos países do chamado primeiro mundo e daqueles países emerxentes que xa soportan unha enorme presión nas súas fronteiras. 

Na cimeira haberá que tomar decisións que vaian alén dos tratamentos paliativos e axuden a minimizar a necesidade de emprender migracións desesperadas por mor do clima. Esperemos o bon senso con moderado optimismo.

Comentarios