Opinión

Mentes “hackeadas”

Sei que o título puidera soar estraño pois é sabido que somos humanos e non máquinas cibernéticas, mais se reparan no que vou dicir a continuación se cadra rematan por darme a razón. Neste mundo no que vivimos, o binomio produción/consumo ocupa unha boa parte das nosas vidas, en particular as das clases operarias. Esas mesmas clases operarias que deixaron de pelexar polos seus dereitos laborais e que seguen a producir plusvalía para aquelas que ostentan a propiedade dos medios de produción. As mesmas que deixaron de lado a aqueles que defendían os seus dereitos e xustifican agora o seu voto para as opcións máis conservadoras, cando non explotadoras.

A información pasou ser a mellor arma de control social dos traballadores, independentemente da súa cualificación. Se un non posúe unha concienciación social clara, remata por xustificar todos os excesos do sistema. Chega a darse por bo que as condicións de traballo sexan cada día máis precarias por mor das dificultades dos empresarios para competir no mercado internacional. Dáse por bo tamén, que como hai unha taxa de desemprego tan grande (o chamado desemprego estrutural), hai que apandar co que toca, pois peor seria perder o emprego e verse abocado a unha situación de maior precariedade aínda.

Ao sistema interésalle este medo á perda de emprego. Interésalle tamén facer responsábeis aos estranxeiros que 'rouban' os postos de traballo, quer pola súa integración no mercado laboral en condicións aínda máis penosas, quer pola posibilidade de localizar a produción naqueles paraísos onde se traballa arreo e sen dereitos laborais por un mando de rupias.

As nosas mentes sofren así a presión esmagadora do medo e das mensaxes que indican que un mundo mellor non só non é posíbel senón que non é desexábel. Quedamos así orfos de capacidade de resposta, paralizados polo medo, dopados pola reiteración das mensaxes. En breve, coas mentes hackeadas polo mellor sistema posíbel. Unha reacción, cando?

Comentarios