Opinión

Memoria

Tal día como hoxe, en 2016, producíanse os atentados terroristas en Bruxelas. Un deles na estación de metro de Maelbeek, que queda de camiño ao meu escritorio na Rue de Jospeh II. Por alí pasaba eu todos os días entre as nove e as nove e media da mañá (non son madrugador), mais ese día (azar) estaba nunha xuntanza internacional en Nicosia. Dúas das miñas colegas de traballo tiveron menos baraka, estaban no metro onde estoupou a bomba e hoxe arrastran aínda terríbeis secuelas físicas. 

Aquel día os primeiros en chamar (outra vez azar) foron tres coñecidos meus, poetas do Magreb, Ahmed, Taha e Abdeslam, e, xa en Nicosia, Abdulah, o marroquí que dirixía a xuntanza como Secretario Xeral do Consello Xeral das Pescas do Mediterráneo, interesouse por todos os meus colegas de traballo en Bruxelas. 

Despois chegaron polas redes moitas e variadas chamadas pedindo confirmación de estar eu e os meus en boa saúde e ánimo. O ánimo tardou en acougar, pois en chegando á cidade dous días despois estaba Bruxelas aínda en estado de choque e tomada polos militares, situación que se estendeu por varios meses. 

Hoxe, 22 de marzo de 2021, cando isto escribo, houbo unha celebración na rúa Joseph II que permaneceu pechada ao tráfico un par de horas, como me informou o departamento de seguridade do meu escritorio. Agora estamos confinados e con outras preocupacións presentes e futuras, mais non está de máis lembrar o pasado e as tribulacións de antano para ter unha visión de conxunto, do que pasou, o que está pasando e o que nos espera no futuro, que todos queremos mellor, mais do que non temos control directo. 

Onte mesmo, mentres no paseo cruzaba a cidade administrativa, cruceime cunha patrulla de policía (catro en troques da habitual parella) e vin pasar un camión ateigado de militares armados con fusís de asalto. Non sei que nos espera no futuro, mais imos ter que estar atentos, non sexa que as árbores (a pandemia) non nos deixen ver o bosque (os conflitos latentes). 

Comentarios