domingo 11/04/21

Unha máscara nos ollos

Hai que ter en verdade unha máscara nos ollos para non se dar de conta do que está acontecendo coa pandemia. A realidade, tiránica como ela é, indica que a situación de contaxios, ingresos nos hospitais e mortes medra sen parar nesta “segunda vaga”. Os hospitais están en estado de pre-alarma (preparándose para o peor), de xeito que actividades urxentes, entre elas as de cirurxía maior, estanse adiando ou acumulando atrasos. Esta é a realidade, os feitos, o incontestábel.

Mentres, os responsábeis políticos móvense, como non podía ser doutro xeito, entre a coraxe e a desesperación, adxectivos que tamén se poderían aplicar á poboación que, ademais, óllaos entre o abraio polas alternancias e a parálise polo medo. O medo é xustificábel en particular nas persoas que se encontran en situación de risco engadido como son os maiores ou aqueles que –mágoa– sufrimos de patoloxías previas, que poden complicar a nosa situación se por azar fóramos contaminados polo virus. O que non é xustificado é o estado de confusión no que se encontra a poboación –eu mesmo– produto se cadra desas idas e vidas na definición e adaptación das medidas de protección, ordes e contraordes que recibimos con desánimo e da aparición de conflitos políticos e xurídicos onde o que debería de existir é unidade.

Entendo que diante da confusión comprensíbel, da desesperación que medra sen parar, o máis importante agora é a coraxe individual. É coa suma de coraxes como poderemos avanzar. Coraxe para rexeitar unha aperta, para adiar unha celebración, para negarnos a nós mesmos o que quixeramos e non podemos ter. Sexan cales sexan as medidas propostas non podemos cometer os mesmos erros da primeira vaga. Non nolo podemos permitir nin a nivel persoal nin colectivo. Eu xógome a vida, seino. A miña e a da xente que eu quero e aínda a daqueles que non coñezo e nunca coñecerei. Quixera transmitir que diante da desesperación o que compre é respecto e coraxe. O demais son lerias.

comentarios