Opinión

Madres paralelas

No meu gusto cinematográfico ocupan lugar preferente os filmes de acción e moi en particular os de ciencia ficción (Dune, como exemplo recente). Non é o caso da obra que aquí comento, que pouco ten de acción trepidante nin de prospección nun futuro apocalíptico. 

Madres paralelas, de Pedro Almodóvar, fala do presente e dos lazos de sangue, deses para min incomprensíbeis e atreveríame a dicir, que tantas veces pouco razonábeis. Mais neste período de involución política e social que nos ten tocado vivir agradécese un filme como este, nos que tan ben se explican os lazos biolóxicos en todo tempo e lugar. Aqueles que se refiren ao presente e ao pasado, enténdase, mais tamén aqueloutros que se poderían dar no futuro. Eu, cando menos agradézoo de corazón. Ben podería dicir que saín da sesión cinematográfica impactado e ao mesmo tempo reflexivo, o que non é pouco pedir para un filme actual. Gustaríame que lles servise tamén a vostedes para unha reflexión necesaria. 

Si, estamos diante dun filme comprometido coa memoria histórica, mais tamén coa xustiza social. Madres paralelas descúbrenos o Almodóvar máis comprometido, máis analítico e, se cadra, menos amábel e/ou predicíbel. 

A nivel técnico, que dicir dese magnífico travelling diagonal que abre o filme, das variacións cromáticas plano/contraplano ou do tratamento impecábel na condución dos actores, onde un é quen de captar en xestos minúsculos a atracción entre os corpos, que logo se explicita mais que vén anunciada por esas espectaculares danzas de olladas. 

Non vou explicarlles polo miúdo (non sería xusto) o desenvolvemento do filme, mais convídoos a que vaian velo sen prexuízos previos (eses que Almodóver conseguiu facer acordar durante a súa carreira de cineasta). Noutras palabras, que non vaian condicionados por se gustaron ou non de filmes anteriores. Este é diferente. Niso radica para min a grandeza dun artista, que xa entrado na súa década oitava aínda é quen de sorprender(se) e sorprender(nos).  

Comentarios