Opinión

A luz na fin do túnel

Estes días escóitase falar moito dun lugar común, ‘a luz na fin do túnel’. Baballadas. No final do túnel hai unha brétema espesa, de cortar con coitelo de serra, os novos mendigos pedindo esmola, as colas para conseguir comida, as desigualdades elevadas ao absoluto da exclusión, a ignominia de non aceptar nos hospitais a aqueles doentes maiores, dependentes ou eivados.

Iso é o que se observa, unha luz leve filtrada pola brétema espesa e non unha luz resplandecente. A brétema podería abrir se os gobernos quixeran. Mais o poder fabrica conciencias submisas con complexo de culpa, de obreiros e labregos, que levados pola culpa votan á dereita, pois prefiren a inxustiza á desorde.

O poder re-arquitéctase só a partir da revolta dos excluídos, da ruína dos poderosos, da eliminación dos privilexios dos vencedores da guerra, esa casta de intocábeis.

Unha das ensinanzas destes últimos meses, cando as unidades de coidados intensivos estaban colapsadas e non había lugar para tratar con igual coidado a todos os doentes, foi que os recortes pasados afectaban á realidade non prevista. Tal parece que os gobernos que nos tocou vivir priman as alternativas a curto prazo, en troques de prever solucións a medio e longo prazo. Enténdese ben, pois están aí postos como púcaros para facer bonito e seguir as directrices do capital. De tanto pensar en gardar a propia leira, non dan procesado a realidade do mundo.

Cando vaian votar pensen que ‘Sanidade universal’ é sanidade para todos, independentemente da idade, do sexo, da opción sexual, da familia, da estirpe, do clan, da etnia, da cor dos ollos, da pel ou do cabelo, da orixe social, de se teñen segunda residencia ou viven ao ventimperio debaixo dunha ponte, de se chegaron ao país nunha pateira ou fuxindo dunha revolución. Universal é universal e punto.

Queren sanidade universal? Analicen os programas e as historias persoais de cada un dos candidatos. Escollan. Libremente. Non van ter problema. Non hai tantas opcións.

Comentarios