Opinión

Liberdade de expresión

Liberdade de expresión é un concepto que vai alén da liberdade de opinión e da liberdade de expresar esa opinión pola palabra. Liberdade de opinión é un concepto máis limitado ou máis amplo segundo se vexa dende o interior ou dende o exterior de un propio, pois mentres sexamos posuidores do libre albedrío e non teñamos o noso pensamento controlado (xa se verá no futuro), todos nós gozamos dela. Outra cousa é poder expresala libremente no ámbito público e aínda no ámbito restrinxido do privado. A liberdade de expresión vai máis alá pois representa a liberdade de exteriorizar as opinións alén de co pensamento, coa palabra escrita ou co discurso, con imaxes, dramatizacións, debuxos, fotografías, cancións, arquivos dixitais... non exclusivamente coa palabra, e moito menos exclusivamente coa palabra escrita. 

Hai días lin nun twit “Liberdade de expresión non significa que eu teña que escoitar as túas asneiras”. Concordo na maior. Ti podes dicilas, mais eu teño tamén todo o dereito do mundo a deixar de escoitalas. O moderador dun programa de opinión, responsábel de dar a palabra os intervenientes, debe autorizar a calquera dos convidados a que comece a súa intervención, mais se constatara que o seu é un discurso de odio (racismo, sexismo, xenofobia etc.) tería a posibilidade, en virtude precisamente do mesmo principio da liberdade de expresión, de cortarlle a palabra e exercer o dereito de non escoitar segundo que mensaxes. Isto vale para un foro de discusión privado mais tamén público, incluíndo as cámaras de representantes (sexan estas estatais ou autonómicas). 

Por que permiten que o lixo que deitan pola boca dende as bancadas da ultradereita se rexistre nas actas das sesións e se espalle na transmisión polas ondas das sesións parlamentarias? Non teño resposta, mais ao non reaccionar, están atacando, precisamente, a liberdade de expresión da meirande parte dos cidadáns e facéndolle un fraco favor á dignidade das institucións que presiden.

Comentarios