Opinión

Letras viaxeiras (I)

Esta semana estiven no aeroporto Rosalía Castro. Levaba eu nas mans o libro colectivo A Lingua Viaxeira, editado por Axóuxere, que recolle textos dunha ducia de escritores galegos residentes no estranxeiro. Escritores que viven e traballan fóra do país mais que persisten no empeño de sementar o mundo de verbas en galego, que fan recitais e presentacións, que escriben teses doutorais ou explican quen somos e que queremos ser moito mellor que os políticos na terra, sectarios cando non acubillados nas súas ilusorias esferas de poder.

Por experiencia propia, logo de máis de trinta anos fóra do país, sei das dificultades que os autores que residen no estranxeiro teñen para poder 'defender' os seus textos no país. Non falo só de ter problemas de tempo para facer presentacións, asistir a feiras do libro, ou seren convidados a clubs de lectura ou calquera outro tipo de manifestacións públicas, incluíndo lecturas, recitais, palestras, mesas redondas ou cadradas, debates na televisión pública ou en calquera outro lugar. Seino, pois aínda que non regresei ao completo, agora paso máis tempo en Galiza, e nestes últimos cinco meses fun convidado máis veces que nos últimos cinco anos.

Estas escritoras rebeldes, estes escritores non-canónicos son, de facto, os nosos embaixadores culturais no estranxeiro. Desenvolven ese labor de xeito autónomo e sen maior interese que dar conta de que forman parte dun sistema literario que quere mostrarse ao mundo como é, vizoso na súa variedade e gozoso no seu desenvolvemento. En non poucas ocasións sofren as presións de seren incluídos como parte doutras linguas de imperio: o castelán, por descontado, por ser lingua cooficial e invasora, ou o portugués, por partillar un tronco común hai unha manchea de anos, mais lingua igualmente de imperio. Resisten, persisten, insisten na declaración de independencia e son, por iso, alí onde se encontren, os nosos mellores embaixadores culturais.

Non sería má idea, darlles o apoio que nin tiveron nin teñen. Queda nas mans dos bos e xenerosos.