Opinión

Leccións do pasado

Voume remontar á segunda metade do século XIX. Pídolles que fagan un exercicio de abstracción, pois as comparacións axudan a entender o mundo, e tamén a captar as mudanzas nos comportamentos e nas actitudes. Eu vivo en Elsene, un dos distritos comunais de Bruxelas. En 1866 houbo na cidade unha epidemia de cólera, onde só neste distrito morreron máis de 400 persoas. Daquela non había hospital na comuna de Elsene. Os seus mandatarios tiñan que enviar os doentes a Bruxelas capital e, atención, pagar os custos da súa hospitalización. Tres anos máis tarde, declarouse unha epidemia de tifo, que bateu con forza en Elsene. Eran outros tempos, mais o burgomestre ofreceu a súa propia casa para acoller  contaxiados sen teito que vagaban polas rúas e, deseguida, convocou o Consello Comunal para comezar as obras dun pequeno hospital público.

Os tempos mudaron e as epidemias localizadas nunha vila convertéronse moitas delas —por mor da mobilidade das persoas—, en pandemias mundiais. A lección está clara, a xestión dunha enfermidade de transmisión rápida inclúe non só boas palabras, medidas coercitivas e cadrar as contas, senón solidariedade e iniciativa emprendedora. Neste ano 2020, coa pandemia aínda entre nós, hai que ir pensando a medio e longo prazo e emprender unha serie de proxectos para que a próxima pandemia (ou outra vaga da mesma), que tardará máis ou menos, mais que vai chegar, non nos colla como nesta ocasión sen manual de instrucións.

Son necesarios investimentos públicos en sanidade paliativa, mais tamén en medidas preventivas (instrución pública e normas de educación cívica), en investigación virolóxica e en recursos humanos para afrontar as vagas infecciosas (‘rastreadores’ epidemiolóxicos). Para iso é preciso lexislar e abrir liñas orzamentarias para acometer eses proxectos. Xa temos parlamento. Agora toca discutir os orzamentos e lexislar. A primeira comisión que se ten que crear é a de sanidade preventiva e epidemioloxía.

Comentarios