Opinión

Laxeiro

Moitos artistas e intelectuais galegos tiveron que emigrar durante ou despois da Guerra Civil, quer pola súa implicación política co Goberno da República, quer pola súa ideoloxía, que non encaixaba no réxime de sociedade pechada e sen liberdade de expresión que instaurou o sector máis reaccionario da oligarquía española ao final da guerra. Un dos artistas que tivo que partir para o exilio foi José Otero Abeledo (1908-1996), coñecido artisticamente coma Laxeiro, que residiu en París e Bos Aires, onde desenvolvería a parte máis importante da súa carreira artística, até regresar a Galiza en 1970, nos últimos anos da ditadura franquista.

Galiza vai conmemorar en 2022 o Ano Laxeiro cunha programación que se vai centrar no percorrido vital e profesional do artista a través de propostas expositivas, académicas e didácticas en distintos puntos da Galiza, así como en Madrid e París, e que terán como acto central o 1 de abril o Día das Artes Galegas na honra do pintor lalinense.

As actividades estarán promovidas pola Xunta de Galiza, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo como institucións representadas na Fundación Laxeiro, con sede en Vigo e presidida polo seu alcalde. Contarase tamén coa colaboración da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e a Embaixada de España en Francia, que programarán entre abril e decembro unha grande exposición itinerante sobre a súa obra de madurez durante a súa estadía na Arxentina.

A idea central é achegar a figura deste pintor ás novas xeracións, vindicando a figura deste artista galego mais tamén universal, que xunto a outros artistas plásticos senlleiros como Luís Seoane, Carlos Maside e Colmeiro liderou a renovación vangardista do arte galego na primeira metade do século XX. Logo virían outras renovacións como o movemento Atlántica (nos anos 90), herdeiros dese grupo de renovadores. Oportunidade, pois de se enchoupar de Laxeiro e dos artistas da súa xeración non lles ha faltar. Aproveiten, que sairán gañando.

Comentarios