domingo 11/04/21

Hikkikomori

Durante a reclusión na que pasei estas festas, din cun documental sobre os Hikikomori, un fenómeno social no Xapón. En xaponés, o termo utilízase para indicar “estar recluído” ou “sufrir dun illamento social agudo”. As imaxes eran conmovedoras pois reflexaban a vida de mozos e mozas que decidiran ficar na casa sen ter unha actividade produtiva. Nin estudaban nin traballaban nin tan sequera saían dos seus cuartos. Adoitaban pasar nesa situación varios anos, nos que perdían o tren do estudo e do traballo, constituíndo así un lastre para as súas familias, que ás veces aínda se sentían culpábeis.

Pensei que a situación que estamos vivindo estaba facendo de nós, vellos e novos, homes e mulleres, hikikomoris potenciais. O que máis e o que menos estalle collendo gusto a isto de estar na casa. Eu confésolles que paso a vida nun triángulo leito/sofá/computadora, que ten moito, recoñézoo, de illamento social. Mesmo facendo teletraballo de xeito case continuado dende o mes de marzo de 2020 (agás algunhas xuntanzas presenciais no mes de setembro e outubro), a miña produtividade tanto no meu rol de funcionario científico como no eido literario non minguou. Como proba aquí estou, puntual, cada venres, nesta columna excéntrica, chova ou trone, neve ou caían os paxaros atafegados coa calor. 

Nunca estiven tan cómodo. Moitos días traballo en pixama e, se teño unha videoconferencia, amaño unha camisa para esa hora de xuntanza virtual. Non tomo café, mais cada tanto vou cara á cociña a facer unha infusión e cada tres horas como algo (pouco) e sigo traballando. O mes pasado fixen máis de corenta horas extra, das que puiden recuperar vinte. Non sei se son máis feliz que cando tiña que aturar os excesos histriónicos ou as malas palabras, as iras ou os excesos nos parabéns dos colegas de traballo, que tantas veces sentía como falsos. 

Se cadra é tempo de coller a reforma, de saír da casa e abandonar esta actitude hikkikomori. Non sei. Nunca estiven tan cómodo.

comentarios