Opinión

Goethe

O pasado día 16 asistín en Bruxelas á presentación de “Xacobeo 21-22: A green and smart way to rediscover Europe through the Way of St. James", un acto institucional do Parlamento europeo no que participaron: Stefano Dominioni, director do Instituto Europeo de Rutas Culturais do Consello de Europa; Francisco Millán Mon, parlamentario europeo do PP que lidera o grupo que se ocupa da herdanza cultural, do Camiño de Santiago e outras rutas culturais; Dolors Montserrat, Parlamentaria europea do PP; Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, e por vía telemática, Margaritis  Schinas, vicepresidente da Comisión Europea, aos que se sumou unha mensaxe gravada de Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea. Un acto de exaltación dos 83.000 quilómetros das varias rutas xacobeas e unha oportunidade para promover o turismo na Galiza e mais en todas aquelas comunidades por onde pasan esas rutas. Até aí todo ben, pois, nobreza obriga, dalgún xeito tiñan que agradecer os millóns recibidos en subvencións.

Explicáronse os antecedentes centenarios da peregrinación a Compostela. Millán Mon e Núñez Feijóo citaron a Goethe, como non podía ser doutra maneira, pois non en van é un referente conservador. Monserrat apostou por Machado, un clásico, xa saben, caminante no hay camino... e todo iso. Tivo que ser un grego, o Comisario Schinas, quen citara no seu discurso a Álvaro Cunqueiro, que cualificaba os camiños como ‘as veas de Europa’. Non é a primeira vez. Hai xa case unha década, cando se celebrou o Día dos Océanos en Vigo, no discurso do comisario de Pesca, o maltés Joe Borg, citábanse como colofón as últimas liñas de Alba de Gloria, o famoso discurso de Castelao. 

Tal parece que teñen que vir os ilustrados europeos, aqueles que lle escriben os discursos aos seus mandatarios, para espallar a idea de que temos unha lingua propia, e escritores galegos que entenden o país dende unha perspectiva europeísta cando non internacionalista.

Comentarios