Opinión

Gobernar

Lendo as novas que chegan dos diversos lugares onde se supón que se exerce o poder executivo (local, autonómico, estatal, europeo, mundial), chama a atención o difícil que resulta tomar decisións ecuánimes que vaian no sentido de mellorar a vida das poboacións sobre as que se exerce o poder. Difícil tamén non caer no populismo máis abxecto, que é o que identifica o goberno, que debe ser unha práctica colexiada e complexa, cunha persoa única, que é a que representa a todo o grupo. 

É difícil gobernar e máis aínda se o poder que se exerce está condicionado por outros poderes na sombra, como adoitan ser os enramados económicos: multinacionais, grupos financeiros e outros axentes de poder camuflados na sombra. Son eles os que exercen o poder real, os que quitan e poñen gobernos, os que poden ocasionar desequilibrios tan grandes que todo o sistema entre en crise mentres eles fortalecen a súa situación de poder.

Fálolles disto que resulta tan sinxelo porque moitas veces cando criticamos a un gobernante erramos o tiro, que debería ser lanzado por elevación para dar cabo de quen causa os problemas e non de quen é un axente ao servizo (sáibao ou non) doutras esferas de poder.

Resulta doado criticar a un parlamentario que se encontra no dilema de se votar cunha pinza no nariz ou votar en contra do que lle mandan os seus xefes. Mais debe ser difícil tomar unha decisión neste punto, abandeirar a ética e ao mesmo tempo actuar de xeito que a nosa acción contradiga a ética propia. Por iso non vou eu tirar unha pedra sobre aquel que se encontre en tal situación, nin tampouco avisar a quen pense que gañar unhas eleccións (a calquera nivel) sexa garantía de ter o poder e facer con ese poder o lle reine.

Di o libro do Tao que gobernar un país é como fritir un peixe pequeno, que debería quedar tenro por dentro e coruscante por fóra. Non entra no arsenal das miñas capacidades fritir peixe miúdo. Vou ver se hai un titorial por aí na rede, pois teño que fritir uns chinchos.

Comentarios