Opinión

Glasgow

É a actualidade, coa súa tiranía, pois, a que dá pé a esta columna. Como sempre acontece nestas xuntanzas internacionais como nesta cimeira do clima en Glasgow, houbo moitas palabras (algunhas grosas, de desesperación e desánimo), algúns compromisos tímidos e non poucas desercións. Destas últimas foi a máis sonada a negativa de Xi Jinping a participar na xuntanza. Deserción que non contribúe ao optimismo senón antes ben todo o contrario. Sinto desasosego polo que poida acontecer nos próximos anos. Moito me gustaría errar no diagnóstico, mais coido en pensar que seguiremos avanzando cara a unha situación de difícil volta atrás. 

Hai unha morea de anos (1977), o científico soviético P. Borisov alertaba sobre a importancia do Ártico na posibilidade de mudar o clima de zonas temperadas manipulando a natureza. Non foi necesaria esa intervención programada, pois a propia natureza reaccionou de xeito violento e hoxe ninguén nega que se están producindo grandes cambios ao norte do Círculo Polar Ártico (a apertura estacional do Paso do Noroeste, a aparición de grandes superficies sen xeo na illa de Gronelandia, o derreter do Permafrost...), que están levando ás potencia económicas a adoptar medidas de regulación do espazo Ártico. Algunhas delas no senso da protección, mais outras máis preocupantes nas do uso do subsolo (minería, extracción de gas) ou na instauración de rutas marítimas aínda que, polo de agora, sexa de xeito estacional. 

Preocúpame o Ártico porque teño información sobre a súa evolución ecolóxica nas últimas décadas, mais tamén me preocupan outros ecosistemas que nos son máis próximos (como a mediterranealización do sur da Galiza ou o cambio na distribución das especies mariñas nos nosos mares). Sinto desánimo eu tamén polas moitas palabras e os escasos compromisos. Así e todo vexo con esperanza a concienciación dun sector da nosa sociedade. Quedarei, pois con esa pulsión para acreditar (aínda) na ciencia e para promover a resiliencia dos ecosistemas e do xénero humano. 

Comentarios