Opinión

Que ficará cando cheguen as eleccións?

Que ficará destes meses de encerro, destas semanas de confinamento, deste experimento diario de andar e desandar as calexas do labirinto? Difícil saber con antelación cales serán as cicatrices, se sandarán até desaparecer ou restarán queloides, cal marca indelebél da ignomia. Ignominia foi negarnos a liberdade de entrar e saír das nosas casas, manternos pechados coma se fóramos animais sospeitos, arredarnos dos próximos, negarnos a calor dos aloumiños. Ignominia foi tamén a ausencia de empatía para cos vellos, o desleixo mol dunha maioría que ficou nos seus estofos triscando pizza e consumindo as ofertas do Netflix.

Que ficará destes meses, e semanas, e días que pasaron... e dos que restan por vir? Quen o sabe, quen coñece as feridas das poutas do dragón se nunca viu un dragón diante. Se cadra vai ficar o medo, un medo que xustifique a submisión, o mal menor, a mitoloxía do ben común na asimetria do sufrimento. Non se trata de loubar ou atacar un goberno ou outro. Non adianta nada. Todos na fin tomaron medidas semellantes. Punto arriba, punto abaixo, como trazadas por unha mente única, experta en dragóns e mitoloxías.

Só na reflexión vagarosa, na discusión estruturada, no diálogo sen trincheiras poderemos acadar o coñecemento do dragón e as súas feridas, as visíbeis e mortais, as internas, as que farán de nós ou non seres malpocados de por vida. O lento discorrer dos días e das horas, a tortura da incertidume, a flaxelación diaria das carenzas, dos límites, da reversión do albedrío.

Preguntarannos quen desexamos que goberne. Teremos que dobregar a apatía cultivada nesta xeira de intoxicación e medo. Teremos de erguer o dardo do noso voto, que debe ter nome e apelidos; os daqueles que levan anos pensando no país noso, os que aí estiveron dìa após día avivando as nosas esperanzas, os que non han de negar que somos quen somos. Para Ana e Mercedes, para Noa e Iago, para Alfredo e Miguel Anxo, para Eva e Antón...

Comentarios