Opinión

Excéntrica: a sublime mediocridade

Sábese que na política a sinceridade e a honestidade non ocupan senón un papel secundario. Hai excepcións (quer na sinceridade, quer na honestidade), mais non son a norma. Seino de primeira man, pois traballo de experto nunha administración política, onde todo é translúcido e poucas reviravoltas do cotiá son transparentes.

Sábese tamén que as masas poden seguir unha idea, mais os seus líderes, sen deixar de estimulala, perseguen os seus propios intereses, nin sempre económicos. Ás veces abonda con que cultiven o seu ego, os enchan de honras e epítetos como salvadores da patria.

Tampouco é un secreto que o disimulo e a duplicidade no discurso son parte integrante do quefacer dos políticos profesionais, mais, como tamén é sabido, con formas e gradacións variábeis.

A nós, como galegos, tocáronnos nunha tómbola ou escollemos estar gobernados por personaxes camuflados de burócratas integrais –administradores da provincia con ínfulas de vicerreis- insulsos con fasquía monacal, azoute de extremistas de toda caste, proclamados servidores íntegros do seu país na soidade áulica que lles é propia (aínda que descoñezan a lingua propia e baballen nun encadeamento constante de descoidos léxicos, de tropos gramaticais, sintaxes aliteradas e fraseoloxía importada). Fracasados nos seus avances galantes, dubitativos cando non ambiguos nas súas querenzas íntimas, intolerantes na aparencia e revestidos dunha aura de salvapatrias opostos en todo momento ás tentacións separatistas. Amantes das dagas venecianas e os filtros xenoveses, arrodeados de aduladores, virxes de toda empatía na contemplación da deleiba da súa cultura e a súa lingua, que marcan o declíneo do seu pobo.

Son os que escollemos para gobernar, malpocados. Ficarán empoleirados no poder outorgándose un protagonismo que non lles corresponde. Son mediocres créndose sublimes, mais son o que nos queremos que eles sexan. Chegarán intres de decidir e o meu primeiro acto de liberdade será acreditar na liberdade.

Comentarios