luns 03/08/20

Cambio climático (II)

O mar é un deses ecosistemas onde se perciben (para quen o queira ver) as consecuencias do cambio climático. Hai días, lembrando os tempos nos que navegaba polas augas da Terranova, reparei nos cambios que alí se irían dar polos desxeos árticos e o desequilibrio entre as correntes do Labrador e ado Golfo de México. Veu á memoria o caso dos mascatos, que se lanzaban en picado para procurar o sustento que as nosas redes de arrastro traían prendidas nas ás (as redes teñen ás, acrediten), onde penduraban os capeláns, peixes do frío que eran sustento dos bacallaus. Pensei neles, nos cambios de distribución das especies no mar, e escribín o que vai a seguir, suxeito de reflexión.

“Os mascatos que como dardos de penas con reflexos amarelos se lanzan ao mar na procura das xardas e os capeláns, saben eles que son, que existen, son conscientes de que os estou mirando dende a borda deste navío de fortuna? Están avisados da beleza aerodinámica das súas acometidas? Do pasmo que en min provocaron aquela primeira vez? Saberán do abraio dos peixes do cardume ao sentilos peteirar a tona da auga, cando pechando as pálpebras tracen unha curva asintótica coa présa escollida para levantar o voo en parábola invertida e xurdir cal titáns voando á distancia para gorentar a carne palpitando aínda? Serán eles conscientes que de tanto lanzarse ao auga queimarán os ollos e as membranas que os cobren e ficarán cegos para morrer na soidade do mar, envoltos en sal e treboadas? Estarán informados dos vaivéns do clima, dos movementos dos cardumes, da necesidade de migrar?”

Os océanos do mundo sofren profundos mudares de salinidade, de acidez e temperatura, instaurándose neles un caos calmo de difícil prognóstico. Vai alá o tempo do diagnóstico e chega o da acción, aínda que esta sexa de xenia difícil e reviravoltas moitas. Choramos xa os vaivéns da sardiña, mais como dixo Castelao, “as sardiñas volverían se os gobernos quixeran”. Pensen no mar, señores gobernantes!

comentarios