martes 26/01/21

Etiqueta nas redes

E n teoría somos unha sociedade avanzada, mais non sempre é evidente. Así, nas redes sociais non é infrecuente recibir solicitudes de amizade sen que sexa doado identificar ao demandante. Acontece tamén verse engadido a un grupo de discusión, de opinión ou de apoio a unha causa (tantas veces perdida), sen ter unha mínima intención de formar parte dese grupo. Á

s veces aínda un ente anónimo, que ten na súa foto de perfil unha árbore ou unha consigna, pretende ser o noso amigo virtual. É verdade que non aceptar os convites ou saír dun grupo é doado. Daquela, onde está o problema? O problema esta nas reaccións, tantas veces iradas, se saes dun grupo ou se non aceptas a amizade. Incluír a alguén nun grupo non é un delito, como tampouco o é publicar nas redes conversacións privadas sempre que quen o faga sexa un dos que participa na conversa. Pode ser reprobábel, mais non é un delito.

Argumentarase que un sabe ao que se expón cando acepta as regras de xogo dunha rede social. Certo, mais certo é tamén que normas de urbanidade e conduta social hainas en moitas senón en todas as esferas de interacción entre humanos, sen necesidade de que estean escritas nunha lei. Por falar de leis non escritas, nos correos electrónicos, o corpo da grafía que utilicemos pode indicar aos nosos correspondentes que estamos berrando (maiúsculas) ou sendo agresivos (negriñas). Todas as actividades sociais rematan por ter normas de etiqueta ou comportamento cívico. Por que non as redes sociais? Imaxino o que están pensando: Quen define? Que parámetros usar para instaurar normas de funcionamento ético?

Algún exemplo: Pedir autorización para publicar conversas privadas, non incluír a ninguén nun grupo de discusión sen previa autorización, evitar partillar contidos ofensivos para outra persoa... Agora que entramos na segunda xeración dixital eses comportamentos ben poderían ser aprendidos na casa e na escola. Iso facilitaría unha mellor convivencia e coutaría o avance da barbarie ética.

comentarios