luns 19/04/21

Estado de choque

Chegou a segunda onda pandémica e xa se anuncia que é probábel que se produza unha terceira, como xa acontecera na tristemente célebre pandemia do inicio do século XX. Non é por ser agoireiro mais outras virán, pois o estrés que sufre o Planeta e as condicións de vida, incluído o comercio internacional e o mudar do clima, van nesa dirección, a de incrementar o número de zoonoses (transmisión de enfermidades a partir dun vector animal). 

Vivimos en estado de choque, algo para moitos de nós difícil de superar. Non estamos diante dun perigo potencial senón diante dun perigo real, tanxíbel, obxectivo: o número de mortos é incontestábel. É de esperar que a intensidade do trauma produza unha creba masiva do equilibrio emocional e que isto se magnifique a nivel social. Aparecen xa de xeito brutal trastornos da alimentación, problemas de atención ou hiperactividade, fobias, ansiedades, comportamentos bipolares, autismo... todo o mundo (case sen excepción) está ansioso. Os proxectos de vida foron mudados para peor e as relacións persoais e socias debilítanse co tempo.

Son moitas as carencias físicas e emocionais sufridas e as que aínda están por chegar pois a situación, en troques de se resolver, semella complicarse de vez. E diante deste panorama, para facer como que fan alto serio, todo o que lles ocorre é facer un toque de recolla, para que non andemos por aí contando estrelas ou paseando pola praia.

Esta situación de excepcionalidade pódese entender como unha catástrofe natural a escala mundial. Os manuais de primeiros auxilios alertan de que cando existe un estado de choque físico hai que chamar os servizos de urxencia, mais aquí non hai servizos de urxencia a quen chamar, nin alguén que veña na axuda para iniciar as manobras de reanimación. Temos que engulir a nosa rabia e desesperación, xuntar toda a coraxe de reserva e esperar que os outros cidadáns fagan o mesmo.

Deséxolles pois, coraxe e imaxinación, afouteza e serenidade.

comentarios