mércores 28/10/20

Esgrima

Esta pandemia está dando cabo da miña flegma. Estou perdendo facultades, pois disque a paciencia é a virtude da xente sabia e, daquela, esta sangría de cachaza é síntoma de estar vertendo sabedoría (que non sobra). Teño que pensalo con calma. Levo meses caneando pola rúa a seres incivís, que decidiron –no acme da súa ignorancia– que a pandemia non vai con eles. Séntense inmunes, armados cun escapulario (‘detente’) carlista ou cunha bandeira española, cunha teoría de conspiración ou simplemente cunha arrogancia sen límite. Medran como fungos, de xeito radial e insidioso. Hainos de todas as idades e espectros políticos. Algúns decidiron que xa viviran bastante e, nun acto insolidario sen precedentes, pretenden sacrificar a súa vida sen importarlles deixar no seu camiño un rego de contaxios. Outros non coñecen o sufrimento, pois sempre viviron entre algodóns e, daquela, non entenden que eles, mimados polo destino, teñan que sufrir as mesmas restricións que a plebe, e aínda por riba por algo que non se ve. Outros aínda arboran a bandeira da ignorancia e para eles todo son conspiracións xudeu-masónico-marxistas (antes, agora e sempre). Urran contra todo e contra todos, reivindicando unha liberdade que para eles equivale a facer o que lles sae da gana.

Decidín evitalos, canealos na rúa cando sexa posíbel, non visitar os seus lugares de reunión gremial, de partida e partido e, en chegada a ocasión, practicar a arte da esgrima, primeiro verbal e despois xa verei. É ben sabido que a esgrima é o deporte máis acaído para esta pandemia: practícase con máscara, luvas e outras proteccións e, o que é de maior importancia, se alguén se achega a menos de dous metros pódeslle enviar unha estocada (que dará ou non no obxectivo, iso xa é fariña doutro muíño). Non teñan medo que eu cometa unha loucura. Os floretes teñen tope na punta e non fan sangue, mais así e todo asusta cando alguén che lanza unha estocada. E todo isto vai de medo (real ou ficticio).

comentarios