Opinión

Escoller amigos

Fálase moito da desaparición da fronteira entre esquerda e dereita.

Non coñecen a esa xente, á dereita? Están en todo lugar e representan o inmobilismo. Non pensen que están en exclusiva nas formacións políticas que se declaran a si propias conservadoras. Nin pensar. Están en todos os partidos. Son aqueles que nunca van mudar, pois prefiren, como Goethe, á inxustiza á desorde. Non toleran que se modifique, sen o seu consentimento explícito, unha única vírgula dos textos fundadores que eles –renartes- se encargaran de redactar cos traidores a toda causa progresista e cos consentidores da esquerda tímida. Conseguiran así fixar a situación, polo que se ve ad vitam aeternam. Sectarios e mentireiros, agochados en todos os socalcos do poder, minando a posibilidade de calquera mudanza no goberno do país.

Nunca cuestionarán que a versión light da escravitude que practican (esa política de pan e espectáculos, de subvencións para calar bocas, para minguar compromisos, para mercar vontades, para asentar o futuro) non é senón un dereito natural seu, que a Providencia colocou ao seu alcance para que gocen de impunidade e aproveiten ao máximo as regalías do poder. Por iso son fondamente monárquicos, por iso recolleron –sen dicilo- a máxima requeté de “Por Deus, pola Patria e el-Rei”. Por iso a súa Patria non é outra que aquela que lles dite el-Rei. Por iso non entenden nin entenderán xamais que os seus escravos existan nin que queiran ser libres. Nada pode alterar a orde natural que fala do seu poder entregue por un Deus avogoso dos seus privilexios.

Así, cando queiran escoller amigos políticos, quer nestas eleccións quer en calquera circunstancia, non se deixen levar tanto pola filiación oficial dos mesmos senón pola análise do seu comportamento, non tanto pola súa autodefinición como dereitas ou esquerdas, senón pola praxe que fan da ideoloxía que proclaman.

De cando en vez convén algo de desorde, as veces mesmo é condición necesaria par ao cambio.

Comentarios