Opinión

Escolas rurais

Eu non son Balbino. Son dunha cidade pequena como a Compostela dos sesenta, mais non do rural. Así e todo, cando neno, chegado o verán pasaba longas tempadas na aldea. Pódese dicir, entón, que tiven unha nenez híbrida con oito meses de frío inverno e castelán obrigatorio, de rúas lousadas e costumes estritos, e catro meses de lingua galega, liberdade normativa e contacto coa natureza. 

Foi alí onde convivín con moitos nenos que foron compañeiros de trasnadas e confidencias, que me deron como agasallo, que eu conservo, a lingua galega e o coñecemento da natureza. Eles vivían todo o ano na súa contorna natural e aprendéronme así a coñecer e recoñecer árbores e animais de todo tipo, a nomear penedos, regatos, outeiros e cortiñas, a distinguir as herbas boas daquelas ruíns ou perigosas. Cando entramos na mocidade eles foron tamén compañeiros nas conquistas e nas dúbidas. Cheguei aínda a intercambiar cun deles unhas clases de inglés básico por un ‘titorial’ de segar a herba con gadaña, habelencia na que cheguei a ser experto. 

Eles foron mestres e eu tamén, cadaquén coa súa achega. Por circunstancias da vida (da súa e da miña, nin sempre fáciles), levamos varias décadas sen vernos, mais conservo aínda a lingua que eles me aprenderan e as habelencias que fun atesourando. Mais se algo teño claro é que os nenos pequenos deben vivir a súa aprendizaxe na contorna onde eles viven. Despois, pasada esa etapa de adaptación ao medio, ben instruídos na súa escola e na aprendizaxe da natureza que os contorna, estarán capacitados para alí ficar se o desexan ou se así se dan as circunstancias. Entrementres vivirán próximos dos seus, integrados na súa comunidade e na súa contorna, mais felices e menos agredidos por un ambiente hostil. 

Pasada a nenez poderanse considerar variadas solucións para concentrar os escolinos, mais nas idades primeiras non vexo nin necesidade nin conveniencia de lles roubar unha nenez equilibrada, alicerce necesario para o seu desenvolvemento.  

Comentarios