Opinión

Entender a complexidade

Hai uns días lin nun xornal belga unhas palabras do Edgar Morin a propósito da globalización, o deterioro ecolóxico e o cambio climático e a crise da, COVID-19, que me fixeron reflexionar sobre a orixe, a diseminación e as solucións a curto e medio prazo desta situación.

Esta degradación do planeta débese a un desencadeamento de forzas económicas, animadas por unha frenética busca de beneficios, que dirixe a globalización. Este é o fío condutor deste nobelo de complexidade que é a evolución da natureza humana no seu contexto ecolóxico e económico. Esta procura do lucro maniféstase en termos políticos e económicos a través do neoliberalismo, que non só causou e causa un enorme dano ambiental, senón que se traduciu, en Europa, nunha redución sistemática dos fondos destinados a investigación e sanidade e a unha privatización desta última, como mecanismo de exclusión social.

Trataríase pois nun futuro inmediato (utopía, se cadra) de fomentar todo o que a globalización ten de cooperativo, todo o que é saudable e positivo. Mais tamén hai que des-globalizar, é dicir, salvar territorios que tenden a converterse en desertos económicos e humanos, e salvagardar para cada país un mínimo de autonomía alimentaria e sanitaria. Terán que se extraer consecuencias do feito de que hoxe en día a maioría dos produtos para se protexer desta e doutras pandemias víricas proceden de China e India, incluídas as máscaras. Hai que ter en conta que a globalización tecno-económica crea interdependencia entre todos, pero que esta interdependencia non trouxo e non está claro que vaia traer aparellada a solidariedade.

Estes días lembrei unha frase do filósofo Todorov: “o esquecemento é unha forma triste de barbarie”. Non esquezamos o que levamos vivido e pensemos na complexidade do asunto, nas medidas a curto e medio prazo que cómpre tomar e non nos deixemos levar pola solución fácil de criticar ao goberno ou considerarnos nós, expertos en epidemioloxía e tratamento das pandemias. Non o somos.

Comentarios