domingo 11/04/21

Empatía

Para facilitar a mobilidade en tempos de pandemia, os camiños de ferro belgas promocionaron bonos para viaxes gratis entre o mes de outubro e o mes de marzo. Solicitei o bono e concedéronmo sen problemas. Nas semanas pasadas estiven en Blankenbergen e Ostende. Esta fin de semana, para respirar ar salgado, estiven dando un outro paseo pola costa belga nunha lugar próximo a Francia, De Panne. 

Destas viaxes reteño unha imaxe única: os areais inmensos con moitas familias ou grupos de amigos paseando pola mallante ou facendo castelos de area, recollendo cunchas e outros tesouros que deita o mar ou facendo voar papaventos. O tempo acompañaba e, aínda que a hostalaría estaba pechada, eu coa miña merenda de queixo e mazás gocei da beiramar e das crebas. Tiven tempo para escribir algunhas liñas, que no seu día serán poemas ou ficarán como anotacións no caderno de peto. Quen sabe.

Vin pouca xente paseando soa polos areais. Non é que non haxa solitarios nestas terras, é que de certo foxen do contacto social, agóchanse nos seus labirintos, remoen as súas coidas onde ninguén os poida ver. Había algúns e estes detiñan o seu camiñar e ollaban para o mar, para o horizonte inzado de muíños de vento e barcos sucando as ondas mínimas, coma se o mar fose o seu último refuxio, a fronteira de salvación, o seu lugar soñado. Sentín por eles unha proximidade especial, unhas ganas inmensas de achegarme e darlles conversa por ver de rescatalos da súa melancolía. Non me atrevín, claro, non fora ser que se sentiran agredidos na súa intimidade, mais experimentei verbo deles unha empatía especial. Atinaran a saír do seu círculo de xiz, achegáranse a respirar o ar salgado sen o filtrado das máscaras. Se cadra regresarían os seus refuxios con outro ánimo e outra determinación. Pensei que sentiría eu se un estraño se achegara para falar comigo, co solitario, co diferente, co alienado. Fixen propósito da emenda. Necesita(n)(mos) empatía mais tamén precisa(n)(mos) conversa. 

comentarios