Opinión

El-Rei ambiguo

Segundo os dicionarios de uso do galego ‘ambigua’ é aquela persoa que non revela claramente as súas opinións, actitudes etc., co seu comportamento ou coas súas palabras. 

Na celebración da Pascua militar, El-Rei ambiguo non estivo nin brillante nin claro. Perdeu unha oportunidade única para dicir o que pensaba dos militares que soñaban un golpe de estado. Uns militares que pretendían pasar polas armas -nada menos- á metade da poboación (xa se sabe como son de fantoches, por ter o monopolio das armas e da violencia). Contentouse cunha referencia ambigua ao respecto da Constitución, que, dito así, tamén resulta unha referencia retórica en exceso. 

Xa o discurso de Nadal foi unha trapallada, pois amais dos lugares comúns, que xa empregaba o seu predecesor pastrán, nin sequera tivo a decencia de condenar os comportamentos borbónicos do seu pai (doazóns recibidas e entregadas xentilmente a unha cortesá). 

Permitan que non chame ao predecesor ‘El-Rei emérito’, pois tal figura non existe e, sendo retórica, non ten valor xurídico. Ten valor práctico, hai que recoñecer, pois permite aos medios de comunicación afines á monarquía (case todos, ser convidados a beixamáns é o que ten, que engaiola) manter unha ficción e minimizar os danos á institución monárquica, presentándoo como unha especie de avó que tivo pequenos fallos de guión na senectude (asuntos de saias, algunha evasión de fondos a paraísos fiscais, cacerías de especies sensíbeis... xa saben, minucias que un monarca ben  se pode permitir!).

Xa van dúas ocasións e témome que outras virán pois non hai quen lle tusa, que se pon medio país en modo ataque á xugular, que non hai quen os soporte.

Cando dirá El-Rei o que pensa do seu pai? E dos militares con ínfulas, nostálxicos duns privilexios pre-democráticos? Se cadra nunca, pois aí está, para mazarnos con discursos baleiros, retóricos, inanes... Para iso, xa podían pór a dar os discursos a un robot, só por mudar de autómata. Ía ser igual de claro e máis moderno.

Comentarios