Opinión

Dupla impostura

No seu tempo Rousseau e Diderot viñeron dicir máis ou menos o que eu escribo agora. Linos cando era mozo naquela fantástica xeira de aprendizaxes nos tempos da universidade, onde ademais das materias propias da nosa licenciatura falabamos e liamos sobre unha morea de temas.

Como se pode defender a soberanía de El-Rei se a propia Constitución e, o que é máis importante, o sentido común, indican que a soberanía na democracia reside no pobo. Como se pode defender a vontade dunha persoa, que toma a liberdade de nos falar coma se fóramos escolinos de primaria ensarillando restras de frases e lugares comúns (os máis deles conservadores) e intenta pór á institución que representa como garante da unidade do que é diverso, difundindo ideas contrarias á complexidade política e cultural? O dereito divino disque fundamenta a soberanía que detén El-Rei. Discutíbel, cando menos, nunha sociedade laica. Ningún home recibiu pola súa natureza o dereito a se impor por riba dos demais.

Dirán que a nosa monarquía é constitucional e non absolutista como o sistema que nos gobernou por tantos séculos escuros e, daquela, o seu rol é representativo e non decisivo. Se así pensan trabúcanse de vez. Non foi acaso un El-Rei quen como comandante de todos os exércitos amagou un golpe de estado, cuxa autoría intelectual e responsabilidades aínda non foron clarificadas en xustiza. Non é El-Rei quen nomea o candidato a Presidente do Goberno? Éo ou non? Semella non ter poder mais manexa os fíos e sempre coa intención inequívoca de perpetuar a súa parcela de poder e a súa condición de aforado, inmune a toda investigación. Un tótem, algo que non se pode tocar nin cuestionar.

A ocasión non pasa andando, senón voando. Non é o momento, nunca o é de falar diso, din os agoireiros, mais éo sempre pois a soberanía nin se vende nin se lle aluga a unha familia de señores cunha historia inzada de ignominia. Dentro de pouco imos votar, pensen no que prefiren. Logo, chegarán os matices.

Comentarios