Opinión

Dinastía

En Togo, Farre Guassingbé, sempre gaña as eleccións, como antes fixera o seu pai, que estivo no poder por máis de trinta anos. Farre leva xa quince e semella ir revalidar o seu mandato. Hai oposición, fragmentada como nas mellores familias políticas, con varios 'segundóns' (que nunca serán de xeito individual un adversario serio para Farre) e unha media ducia de figurantes, que sempre están aí tamén para garantir a pluralidade política ou o que outros chaman a 'normalidade democrática, onde unha parte importante da poboación se sinta representada. O escrutinio será como sempre en Togo dende que existen os Guassingbé (pai e fillo) unha formalidade, por ver quen é o que queda en segundo lugar a quen Farre,  seguro da súa vitoria incontestábel e nun arrouto de xenerosidade, prometeu certos cargos na administración para dar así unha sensación de 'normalidade democrática'.

Aquí en Galiza todo é ficción, mesmo as eleccións. Dende que se instaurou o réxime autonómico sempre gobernaron os mesmos e cando así non foi (pequenos botóns de febre, bi ou tripartitos, resultado dalgún desarranxo no poder, traizóns incluídas) o retorno gañador da nosa dinastía particular foi para ficar por longas tempadas que non queren saber de descontinuidades. No noso caso a dinastía non é familiar, mais dinastía é, ao cabo, a comezada por Fraga e continuada por Feijóo. Os adversarios contendentes, nas súas variadas apostas ficcionais de alianzas e desprezos, de liortas internas e incompatibilidades varias, nunca dan para outra cousa que para esa sensación de trunfo pírrico que é ir dunha derrota a outra sen xamais perder o optimismo de que algún día "venceremos nós".

Aquí, como en Togo ou en Alxeria, como en Tailandia ou en Rusia, non queda outra que a mobilización na rúa (solución case sempre con final incerto e tantas veces violento), a submisión e o desánimo, ou unha aposta seria pola unidade da oposición (cousa que semella allea aos intereses dos segundóns). Elixan

Comentarios