Opinión

Desincronización

Non é un secreto que o ascenso das temperaturas e adiantamento ou atraso das estacións (dependendo da latitude) son resultado do mudar do clima (do cambio climático). Algúns negan esta posibilidade como negan tamén a redondez da terra. Eses poden deixar de ler, antes de que se lles inche a arteria carótida con risco para a súa saúde. O método científico basease nunha análise de tendencias, non en casos illados, polo que o incremento da temperatura (vagas aparte) pódese concluír que é xeneralizado.

Este ascenso das temperaturas dáse quer en terra, quer no mar, aínda que no mar as flutuacións son máis impredicíbeis, por mor do carácter semovente das diferentes masas de auga e das correntes mariñas. Contan que nos vindeiros días teremos a mesma temperatura da auga do mar que no norte de Noruega (ou sexa baixa) e contan os xornais que estes días se están acadando máximos na temperatura da auga do Mediterráneo de até 30°.

Nos animais estes incrementos de temperatura (dentro duns límites) teñen unha repercusión menor nos mamíferos e nas aves, que son quen de regular a súa temperatura interior (homeotermos), que noutros animais como peixes e insectos (poiquilotermos), que non son quen de regular a temperatura interna. As plantas, pola súa parte tamén sofren inmensamente con estes cambios de temperatura e modifican así os seus períodos de floración e de frutificación. Se os ciclos vitais dos insectos polinizadores se ven alterados polo clima, existe o risco de que a sincronía que adoitaban ter cos ciclos das plantas rache de vez, e daquela se produzan fortes desequilibrios nos ecosistemas. O mesmo acontece con plancto, cuxo ciclo de abundancia pode sufrir alteracións xerando desequilibrios nos ciclos alimenticios de peixes e outros organismos mariños. Ademais, seguindo coa alimentación dos peixes, a temperatura é só unha das variábeis que afectan os ciclos reprodutivos, sendo outras os microplásticos, os metais pesados e a acidificación do mar como resultado do cambio climático.

Precisamos discutilos sen demora.

Comentarios