Opinión

Desesperación

Permitan que para abrir esta columna semanal transcriba uns versos de Louise Glück na tradución que deles fixo Samuel Solleiro: "(...) pero a calma non é a verdade (...) Temos que regresar onde se perdeu se queremos encontrala de novo".

As múltiples guerras e conflitos que salpican o mapa do mundo: guerras cruentas e salvaxes, guerras larvadas, guerras colectivas, tribais e individuais, guerras externas e internas (que outra cousa é unha guerra senón un desequilibrio tenso, que outra cousa é un desequilibrio psicolóxico, senón unha guerra interna, de un contra si mesmo).

A guerra, enténdase, é sempre pola propiedade, pola acumulación, polo abasto propio, incluída a dominación da psique: guerras de ocupación do territorio, de relixión (ocupación ao cabo das mentes), de sucesión de dinastías monárquicas ou familias de pensamento... Daquela, o momento onde se perdeu a calma non é agora, cando isto escribo, nin tan sequera o foi a instauración do capitalismo, senón antes, moito antes. Ou acaso non había guerras cando era o feudalismo o sistema imperante, ou antes aínda, na desorde dos imperios: o imperio romano de Oriente e Occidente e as súas múltiples ocupacións, guerras e remodelacións dos asentamentos humanos, as guerras singulares entre thais e birmanos, entre chineses e vietnamitas, as razzias dos khans chegados das estepas, as loitas de ocupación do Imperio de Malí, dos Aztecas ou dos Incas. Por non falar dos imperios europeos de ultramar.

Daquela o inimigo está en nós mesmos, na natureza da raza humana, que ten na dominación e na destrución a súa característica antropolóxica mías sobranceira. Ou non, e daquela o pacifismo pódese albiscar como única saída. Non hai guerras xustas, nin esta que peta nas portas de Europa, resultado da deriva sanguinaria dun sátrapa, nin aquelas que persisten no Iemen, en Palestina, en Afganistán ou na África subsahariana. Mais tampouco hai traizóns xustas, como a perpetrada cos saharauís, vendidos os seus invasores en contra de toda lóxica formal.