Opinión

Desasosego

A contrario do que poideramos pensar, non sempre os momentos de descanso son os mellores períodos para a relaxación. Ás veces tamén son fonte e/ou oportunidade de desasosego. Hai un par de días, encontrándome de paseo pola praia, vendo o que o mar traía para terra, como brillaba o sol e a xente tomaba baños de mar sen maior escándalo, a miña mente púxose a traballar de xeito acelerado sen que a poidera eu controlar ao completo. 

Pensei que no futuro viviríamos orxías alucinatorias na confusión das estacións (ou na modificación progresiva das mesmas), que farían chegar adiantada a primavera e adiado o outono, como dalgún xeito xa acontece nestes últimos anos. Mais non quixera eu reducir os desasosegos que nos esperan a unha cuestión exclusiva de incremento da temperatura, como pretenden os estudos prospectivos desenvolvidos polo goberno autonómico. O incremento progresivo da temperatura media vai ser importante, mais mudarán outras variábeis.

As correntes mariñas, por exemplo, mudarán a situación e intensidade actuais modificando as zonas de mestura das masas de auga, que é onde a riqueza se produce, facendo variar a altura e intensidade das mareas. A distribución das especies que entran nos aparellos ou aquelas que se dan ben nos nosos campos, veranse, na ocasión, substuidas por especies máios propias do clima mediterráneo como xa acontece no sur de Galicia. No eido positivo, mais de pouco consolo, non será tan rendíbel desenvolver cultivos forestais de eucalipto pola escaseza de auga, modificarase o réxime de chuvias e treboadas (que se farán menos frecuentes as primeiras e máis extremas as segundas), medrarán de xeito exponencial as migracións de especies invasoras alterando os nosos ecosistemas e as zonas que agora son de praia e lecer alterarán a súa distribución espacial. Detéñome aquí á mantenta por non asustar e tamén porque isto só é aviso e non enumeración.

As veces, case sempre paseando, rememorando a  Elias Canetti, síntome esgotado co peso de chumbo do futuro.

Comentarios