Opinión

Deontoloxía

Pódese entender como definición canónica de deontoloxía aquela parte da ética que trata dos deberes e principios que afectan a unha profesión e que deben rexer, por tanto, a súa práctica. Algunhas profesións teñen regulado o seu código ético, de xeito que aqueles que a exercen teñen a obriga de coñecer e respectar os deberes e principios polos que se deben guiar. Médicos, maxistrados, enxeñeiros... coñecen esas normas e, se as incumpriran, expóñense ás sancións oportunas, quer polos seus colexios profesionais quer polos tribunais de xustiza.

Eu non sei moi ben se a política, ademais de ser a arte do posíbel, é tamén unha profesión ou simplemente unha ocupación. Se a política se asimilara a unha profesión (algúns dos que a exercen nunca tiveron outra ocupación), entendo que deberían de estar sometidos a un código ético. Por ostentar a representatividade democrática dos cidadáns nun estado de dereito, este código ético debería ser moi estrito, pois actúan xa non só no ámbito do privado senón que actúan representando a un sector da cidadanía (aquela que os proxectou ao cargo que desempeñan).

A diario vemos, escoitamos ou sentimos en carne propia como os políticos exercen a súa profesión na maior das impunidades. É lugar común mentir (por exemplo cando, chegados ao poder, non desenvolven ao milímetro o seu programa electoral), aldraxar aos rivais (usando o insulto en troques de usar argumentos demostrábeis), practicar o nepotismo máis básico (situando a familiares ou amigos en cargos de responsabilidade ou facilitando contratos para as súas empresas). A práctica da calumnia, a manipulación interesada da información, a opacidade nas súas actuacións é, agás en contadas ocasións, a norma pola que se rexen eses que nos representan nas distintas esferas de poder e na toma de decisións.

Non entendo que esas prácticas anómalas non sexan obxecto de sanción e de rexeitamento. Se cadra é porque como cidadáns tampouco temos un código ético claro e preferimos o espectáculo da calumnia, da mentira, da manipulación e do nepotismo.