Opinión

Dalgunhas tarefas de escritor

Vaia decepción! O dicionario do corrector e outros de uso común non me admiten ‘visguento’ como adxectivo. Atopo si a palabra ‘visgo’ da que aparecen como significados o nome dunha planta parasita e a substancia viscosa que delas se extrae para untar as trampas para os paxaros. Ben, eu vou ficar usando visguento e viscoso de xeito alternante, segundo lle acaia mellor ao ritmo da frase, non tanto porque exista na lingua portuguesa, tan próxima, senón porque eu entendo a miña misión como a de preñar os dicionarios de entradas novas, sexan estas importadas, soñadas ou creadas aínda nun exercicio de nomear os mundos (o interior e o exterior). 

Non entendo que sexa a miña tarefa criticar un dicionario senón facer aportacións. Así o pensei e así o penso despois de ter contribuído en múltiples ocasións. Dende o respecto, pois a tarefa da Academia non é sinxela neste país viscoso/visguento, mais tamén coa rebeldía propia de quen para se expresar por escrito precisa de ferramentas non de xustillos. Xa sei que son inxel, palabra que tampouco semella do agrado dos dicionarios normativos, mais que coa grafía ingel si aparece noutros lugares. Se cadra por iso entendo que moitos de vostedes se estean ‘marimbando’ na grafía, na etimoloxía das palabras, nos usos e costumes. Se un pintor pode ‘inventar’ unha mestura de cores, que impide a un escritor usar unha palabra que outros non usan.

Un escritor non é un funcionario certiño e debe, ao meu parecer, coñecer a gramática e odiala asemade con toda a súa forza creadora, pois é a gramática a que pon obstáculos ao seu libre albedrío de virar e revirar a lingua, de torcela, de amansala, de botala a pacer ou recollela coma un camaleón despois de acadar a presa.

Entendo para nós moitas outras tarefas, como a de estar vivos e atentos aos cambios sociais, ou a de renovar cada día o noso compromiso coa sociedade e, por descontado, con nós mesmos, o de escribir sen barreiras e non admitir ningún tipo de censuras (nin as propias).

Comentarios