Opinión

O COVID-19 e os traballadores culturais

O Ministro de cultura do estado español, que me representa e que non, fixo unhas declaracións desafortunadas, negando a urxencia de tomar medidas no eido cultural.

A cultura e a educación (tan difíciles de separar e as que eu engadiría a instrución), son compoñentes esenciais da resposta que unha sociedade pode dar a unha situación de emerxencia como a que estamos vivindo. Que sería dos cidadáns confinados se non tiveran ao seu dispor unha morea de ‘recursos culturais’ para confrontar esta situación. Imaxina, señor ministro, un confinamento sen música, sen libros, sen cinema, sen videoxogos... Eu non. Hai alguén detrás deses ‘produtos culturais’. Unha morea de artistas e técnicos que vostede considera pouco menos que inútiles. Conta, por suposto, con que o traballo deles se ofreza de balde, pois, debe entender que son uns privilexiados e nin eles nin os seus, precisan dos cartos dos dereitos para sobrevivir.

Non o coñezo mais que na súa faceta de convidado nos programas de debate político superficial da televisión estatal, sempre equilibrado e conservador, mais imaxino que por razón de idade, coincidimos nalgunhas referencias culturais. O que non coincidimos é no feito de vostede pensar que a cultura non é urxente. Aí non podemos coincidir. A súa falta de empatía con os traballadores culturais é algo que doe e proe. A instrución pública, a educación cidadá e a cultura (en todas as súas acepcións e contidos) son piares básicos dun sistema democrático, tanto como a Sanidade. A instrución pública inclúe a hixiene, a educación cidadá a responsabilidade ética de non contaxiar e a cultura inclúe a ciencia (para eses que separan ciencias e letras). Todas tres compoñentes necesarias para que a sanidade funcione. Non sigo.

Polo que se ve desafortunado foi o seu nomeamento e urxente o seu recambio. Ou dá explicacións complementarias, ou penso que non só non me representa senón que ocupa un lugar que non lle corresponde.

Comentarios