Opinión

COVID-19 Ninguén nada nunca

Ao inicio desta pandemia –e máis aínda cando non se consideraba senón unha infección vírica que se estendía dende un mercado da China– eu era optimista. Ía ser un mal soño que duraría semanas, como moito un par de meses. Agora, a tiranía da realidade impúxose de vez (a alta mortalidade polo virus, a expansión fulgurante do andazo, a ausencia dun remedio). Non hai saída a curto prazo. Seguindo o título dunha novela de Saer, usarei tres palabras: ninguén, nada, nunca.

Ninguén ten certeza de como e cando imos saír desta situación. Falábase que a calor traería unha melloría na situación, dise agora que podería resultar o contrario, nun rebrote. Anúncianse timidamente plans pouco concretos de volta ‘á normalidade’. Ínstase a poboación a ter paciencia e a cumprir as normas, a seguir o ideal do chinés disciplinado.

Que notícias me dão dos amigos? Que notícias me dão de você? Sei que nada será como está, amanhã ou depois de amanhã, que cantaba Milton do Nascemento. Nada vai ser como antes e non sabemos aínda como vai ser mais imaxinamos (podemos aínda imaxinar) unha crise económica sen precedentes, unha crise social e cultural, educativa e sanitaria, en definitiva, unha crise do modelo mais xestionada polo modelo, sen revolucións populares, con achante, con disciplina, con palabras baleiras (baballadas).

Tal vez Nunca imos saír deste labirinto. Minotauro, besta ilustrada, instaurouse nas nosas casas, nas nosas vidas para non saír xamais. El vai medrando e mentres medra cos cadáveres que vai deixando ao seu paso, os corredores de liberdade vanse estreitando, a saída non se atopa por ningún lugar e os varios Teseos que na entrada espreitan non recibiran aínda de Ariadna o fío que lles indique a saída.

Un conto de terror este que lles contei onde, por descontado, mestúranse como en tantos textos literarios realidade e ficción, en doses variábeis. Penso en verdade isto que escribo? Quen o sabe? Comeza, se cadra, a xeira da simulación.

Comentarios