Opinión

COVID-19 Despois da pandemia

Se cadra nesta xeira de crise sería interesante ler “Walden ou a vida no bosque” (Henry.D. Thureau), para recuperar un xeito de vivir menos artificial e mais consciente, para superar o binomio esmagador produción/consumo. Non digo que teñamos que vivir nunha especie de macro-comuna hippy dos anos setenta. Mais cada un de nós pode re-inventar unha vida menos absurda que a de ser como o poder quere que sexamos. Non falo de prescindir da tecnoloxía ao noso servizo e que sen dúbida fai a nosa vida máis sinxela. Falo de partillar, de reciclar, de utilizar os recursos a disposición.

Ocórrenseme algunhas preguntas (hai máis): Por que non repensar a produción? E o consumo? Por que non esixir unha compensación por reciclaxe de vidro ou papel, pois fornecemos materia prima gratis ás empresas que se lucran e non son públicas? Por que non plantar unha pequena horta nesa finca que temos a monte? Por que non axudar cos traballos domésticos aos nosos amigos e familiares? Por que non modificar os nosos hábitos de mobilidade, camiñando máis ou desprazándonos en bicicleta, ou partillando o auto? Por que non revisar os termos dunha globalización alternativa?

Non son tan novo como para esperar, paciente, que outros respondan por min. Xa sei que é máis doado facer preguntas que dar respostas. Unha solución (a política) está en máis soberanía e menos dependencia, nunha administración federal moderna e na eliminación de estruturas obsoletas (rémora dun pasado imperial e dun réxime totalitario centralista), e na aposta por unha cultura cívica republicana que se aprenda nas escolas e nas casas.

Ende máis, hai que formar cidadáns libres, que saiban escoller porque coñecen os riscos de facelo ben ou mal, que tomen decisións pois están ao tanto das alternativas, que poidan sacar a este país dese pozo sen fondo que é a miseria ética. Hai que re-inventar un país sen débedas, sen lastres, sen dependencias, sen exclusións: a vida sinxela, a vida feliz.

Comentarios