Opinión

(COV-19) Medo

Dicir que non teño medo non é o mellor inicio nun tempo de incerteza, pois medo haino, mais tampouco sería un bo principio atacar ao(s) goberno(s) de xeito sistemático sen ofrecer como argumentos nada máis que hipóteses. E as hipóteses, meus, hai que as demostrar. No caso dunha pandemia, para ensaiar outras medidas, habería que facer unha simulación en paralelo, pois nada hai nesta situación que se poida facer e non facer ao mesmo tempo. Aquí non falamos do gato de Schröredinger, de saber se está vivo ou morto e de cales son as probabilidades de que iso aconteza ao unísono. Esta non é unha novela de ciencia ficción nin un experimento de mecánica cuántica. Esta é unha pandemia para a que non estabamos preparados e que pon ao descuberto as lagoas (algunhas abisais, e negras, e de augas avoltas) do noso sistema sanitario. E non só. Deixa ver a falla de coordinación na Unión Europea, a miseria ética daqueles que preferían/ prefiren/e preferirán recortar gastos en sanidade pública, en educación, en cultura... naquilo que son as armas necesarias para sandar unha civilización/unha cultura en perigo de extinción por esa pandemia ideolóxica chamada liberalismo económico.

Cando todo isto remate, saberemos cal era a boa resposta, o momento xusto para iniciar unha acción ou tomar unha medida, cando pechar, cando abrir e cando manter o illamento das persoas. Entrementres, todo o que se diga son hipóteses, que hai que demostrar. Mentres, tomar decisións que afectan a millóns de persoas, que modifican as súas rutinas, que creban as súas esperanzas, que traban o seu desenvolvemento, que comprometen o seu futuro, é o labor máis difícil deste momento. Difícil porque sempre haberá voces críticas, que extrapolen, que modifiquen a realidade, que tomen o particular polo universal, que fagan do exemplo norma e da negativa sistema.

Si, teño medo, mais non só de me contaxiar (que tamén), senón de todo o que pode carrexar esta enxurrada que avanza sen control.

Comentarios