Opinión

COV-19 Estraño

É mal síntoma, coido eu, que nas roldas de prensa que dan as autoridades sanitarias haxa máis uniformes que xente civil, máis executores dun plan vendendo os ideais da tropa que pensadores que expliquen porqué tomaron unha decisión e non outra, con argumentos, coa convicción que dá ter explorado outras posibilidades e rexeitalas avaliando os riscos e as oportunidades de cada unha delas, sen mimetismos, sen submisións, coa conciencia limpa de quen pode, con total transparencia, explicar os vectores e as forzas en cada decisión tomada.

Falei coa miña nai, que xa hai tempo que pasou dos noventa e tiña medo. Non me estraña, calquera non o ten se pensa que o que se filtra dos protocolos sanitarios euxenéticos é que cando se trata de salvar vidas ‘as vellas non son a prioridade’. Tranquiliceina dicíndolle que alí na aldea, illados como estaban e cunhas precaucións mínimas, non habería moita posibilidade de infección. Agradeceunos aos fillos non estar nunha residencia de anciáns pois en moitas delas se hai un primeiro contaxio o efecto é devastador e ‘morren como moscas’.

Non conten comigo para unha teoría da conspiración nin para unha aproximación nesgada da realidade, que ve unha desgraza potencial en cada acción de goberno, sexa a nivel nacional ou estatal, por non falar da Unión, que como concepto está en horas baixas. Conten para a reflexión, non para o pánico nin para o medo irreflexivo, mais si para a prudencia mesturada coa ousadía que toda análise require, para unha vez debullado o problema poder confrontar as consecuencias.

Confinamento, hospitais de campaña, militares en patrulla reforzada, represión... se cadra todo iso é conveniente e aínda necesario, mais soa ben estraño que nada estivera previsto, que vaiamos dunha improvisación a outra, que as compañías eléctricas e de telecomunicacións, que os bancos... sigan gañando cartos mentres o futuro da meirande parte da poboación semella hipotecado. Que estraño é o capitalismo, que estraño...

Comentarios