Opinión

Censura

Comezarei por unha longa cita de Octavio Paz, premio Nóbel de Literatura e acusado de neo-liberal (esa categoría difusa que se lles aplica os que non defenden sistemas totalitarios). Di Paz: "A liberdade de expresión está en perigo sempre. Ameázana non só os gobernos totalitarios e ditaduras militares, senón tamén as democracias capitalistas, as forzas impersoais da publicidade e o mercado. Someter as artes e a literatura ás leis que gobernan a circulación de mercadorías é un xeito de censura non menos nociva e bárbara que a censura ideolóxica". Nesta afirmación, ben que feita antes da explosión tecnolóxica, concordo na maior con Octavio Paz.

No que á literatura se refire, hoxe contemplamos con abraio crecente como se publican libros como area (e poucos da categoría do libro de area, que escribira Borges). Magnifícanse produtos de consumo rápido, procurando o mínimo común, é dicir esa lingua deturpada da beleza que confire a diversidade de rexistros. Algún editor explicoume que esa multiplicidade de libros editados resulta necesaria para manter o negocio e, tamén, para poder editar aqueloutros libros que teñen menos "saída", pois resultan complexos e, se cadra por iso, elitistas. Eu podo mercar ese argumento dende o punto de vista da produción, mais amólame esa falsa idea democrática de igualar por abaixo en troques de intentar igualar por enriba, ese empeño en desprestixiar unha disciplina intelectual co pretexto de facela sobrevivir.

A idea de que a censura é o mercado tamén a expresou George Steiner, un dos maiores eruditos da Europa do século XX e do inicio do XXI (finou en 2020). Para el, en concordancia con Paz, son os sistemas capitalistas (hai un só, mais con variadas expresións e intensidades) os que producen unha censura de trazo fino, por contraposición ás ditaduras ideolóxicas (de calquera orientación), que só producen censura de trazo groso.

Debería completar esta reflexión cunha aproximación positiva, mais teño o día espeso, se cadra porque aínda me custa asimilar a Constitución como algo propio.