Opinión

Cansazo

O outro día parei cun amigo na rúa. Levabamos tempo sen vernos e recoñecino malia a máscara cubrirlle unha boa parte do rostro. Hai trazas que definen ás persoas máis que a metade do rostro. Os ollos, por descontado, mais tamén o xeito de camiñar ou de moverse. A o meu amigo recoñecino de costas, polos andares. Tamén polo vestir. Ninguén máis podería vestir pantalón curto e gabardina sen escándalo. Virou cara a min e achegouse con intención de darme unha aperta. Detívose a dous palmos e dou un paso atrás, facendo o que aínda hai que facer, un exercicio de contención nas relacións corporais de curta distancia. 

Fomos tomar un té e comezamos a falar da situación nestes últimos meses. No medio da conversa dixo dúas frases, desas que fican penduradas do nada para logo xurdir na memoria. Direilles as frases para que deixen correr a súa imaxinación. A primeira foi a resposta á pregunta estándar, que tal estás? El respondeu, en troques do tamén estándar “ben”: “O único que me falta é escoitar voces”, o que fala do seu estado de nerviosidade, que se traducía, segundo me comentou máis tarde, nunha ansiedade crecente. A segunda frase tampouco ten desperdicio, pois no medio da charla, cando falabamos da pandemia e do futuro (lugares comúns xa nas conversas, como as referencias ao tempo e a familia), espetoume: “Os mortos falan do futuro”, o que dá idea da súa opinión sobre esta pandemia, mais tamén dá idea de continuidade, ese pesimismo que se instaurou en algúns cidadáns, que ven como esta situación non ten fin e, daquela, temen que se volva crónica nunha concatenación de ondas, virus e pandemias, de xeito que saiamos dun souto para nos meter noutro.

O meu amigo non é un filósofo nin un psicólogo social. Se cadra é lector de Piglia ou de Saer, de Conti ou de Quiroga. Quen sabe. Algunha xente leu moito nestes últimos tempos e, coma mecanismo de defensa do eu, ficaron cal personaxes de ficción. Ficción onde so lles falta escoitar voces e onde os escritores mortos falan do futuro.

Comentarios