Opinión

Cambio climático (III)

As noticias que chegan das institucións europeas nin sempre son claras. É difícil comunicar as ideas coa mesma precisión en vinte e tantas linguas, en particular se as mensaxes son xeradas nunha lingua única, o inglés, e, só despois de acordadas polas partes, traducidas a outras linguas. Pérdense matices e estilos, pois non é a mesma a prosodia en francés que en romanés, ou en alemán que en húngaro, checo ou italiano. Hai linguas máis sintéticas e outras onde para a correcta comprensión da mensaxe é necesaria unha menor economía de palabras. Tratarei, pois, de explicalo o mellor que poida.

 Estes días fálase en Bruxelas de ‘Green deal’, literalmente traducido ‘Acordo verde’ como unha das prioridades da Comisión Europea, o que significa, por se non están ao día, que a meirande parte das iniciativas lexislativas maiores, aquelas que condicionan e van condicionar a nosa vida nos anos a seguir, estarán relacionadas co ‘Acordo verde’. Noutras palabras, que, partindo dos acordos de París sobre o cambio climático, se iran propondo ideas sobre a limitación da polución na terra e nos océanos, o gran pacto pola bio-diversidade, a economía circular (produción/reciclado/produción), os mecanismos para diminuír a nosa pegada ecolóxica, a modificación drástica do modelo enerxético, a necesaria ‘revolución agrícola e gandeira’... e todas esas iniciativas co obxectivo marcado de que Europa sexa en 2050 un continente con balance neutro de emisións/captación de dióxido de carbono, o que é o mesmo que dicir ‘neutro’ na contribución ao quecemento global que xera o cambio climático.

Todas estas mensaxes esperanzadoras e politicamente correctas están moi ben, é bo que se convertan non só en regulamentos senón tamén en realidades, mais é bo tamén ser conscientes de que unha política unilateral pode non resultar moi efectiva se o resto dos países non adoitan medidas semellantes. Esperanza, si, mais ollo, esperanza vixilante e crítica.

Comentarios