Opinión

Calar

De cando en vez a un apetécelle calar, recuperar esa lingua materna, a da infancia, que era o silencio externo e o diálogo interior. Hai tempo falei diso, do silencio como lingua esencial que permite sentirse estranxeiro en calquera tempo e lugar. Son cousas miñas, saberán disimular, que non creo que o que dixera Pessoa sobre a súa relación coa lingua portuguesa poida ter valor universal. A el funcionáballe, a min nin tanto, pois fun educado nunha lingua única, saín polo mundo onde a necesidade me levou a falar a diario outras varias e logo adoptei esta, na que me len, como lingua de amor e de escrita. 

Coido que hai moitos xeitos de calar, algúns deles inclúen unha prosa algo fóra da norma na que se expresa a punta do iceberg do que se quixera/debera/tería que dicir. Ocultar a base de presentar árbores que desvíen o ollar e agochen o bosque que hai tras deles. Tamén calar, simplemente, non dicir nada polos máis diversos motivos: para non incomodar, por conveniencia, por medo ao que dirán ou as represalias que o poder (calquera poder) poida tomar, por militancia máis ou menos intensa, por non se distanciar dos membros do grupo, por non ofender á familia biolóxica ou á tribo de adopción, por preguiza (tantas veces), por non ser sinalado como rebentador de festas ou banquetes (celebración relixiosas, laicas ou esotéricas), por complicidade no silencio, para non ir en contra das modas e os tempos, por non se singularizar na disidencia e xaora, a estas idades, tamén por cinismo, por acomodación, por xenreira acumulada que non atopa as palabras axeitadas... tantos motivos... verdadeiros e falsos. 

Hai anos que decidín falar. Ás veces se cadra máis da conta cos riscos que iso comporta. Agora cústame calar. Tanto que as veces advirto aos compañeiros de traballo: parádeme se falo de máis. Non se atreven, mais eu adoito darme de conta pola linguaxe corporal. Estou na procura do equilibrio entre falar o preciso e non calar o necesario. Vouno intentar. 

Comentarios