Opinión

Burbullas

Estes días tiven unha aterraxe dolorosa na realidade lingüística do país. Eu levo vivindo nunha burbulla especial (ía escribir ‘espacial’) dende hai máis de tres décadas, onde acudía a Galiza só de cando en cando como turista, mais non adoitaba ter que me confrontar coas administracións local e autonómica, nin coa realidade comercial. De cando en cando tiña que lidar con algún camareiro que me obrigaba a repetir a comanda de macela ou que poñía cara de animal difícil cando eu pedía unha bebida sen xeo. Unha boa parte dos que traballan nos servizos de restauración son estranxeiros, teñen unhas condicións laborais pésimas e xornadas maratonianas, ou sexa que as máis das veces condescendía cunha tradución automática de ‘manzanilla’ e ‘hielo’, por non facer sangue.   

Esta semana foi de auténtica inmersión lingüística. O funcionario do Concello falaba un impecábel castelán de Ourense, a funcionaria do Sergas nunca se dirixiu a min en galego, nin polo teléfono nin na visita que fixen ao ambulatorio, e o mesmo aconteceu coa funcionaria de Adif, que me xestionou a tarxeta dourada (si, xa estou nesa época). Cando fun á notaría e pedín que o contrato de compravenda fose redactado en galego ollaron para min coma se eu fose un bicho ou chegara doutro mundo (o que en parte é certo) e outro tanto aconteceu cando unha xestoría me propuxo un contrato de prestación de servizos en castelán. Finalmente os dous documentos citados foron redactados e asinados en galego. Eu pagaba e xa se sabe. 

Todos eles pasábanse o estatuto de autonomía de Galiza polo arco do trunfo, mais non sei se afearlles a conduta aos traballadores ou aos seus responsábeis, ou simplemente á sociedade galega en xeral, que apanda con esta colonización lingüística coma se nada acontecera. A resposta é sempre a mesma: no notario, na xestoría ou onde sexa: ‘Non está previsto, a xente non o pide’. 

Non sei se o piden ou non, se vivo nunha burbulla ou son animal difícil, mais saiban, que se queren ter lingua propia terán que pedilo, coma unha dádiva.