Opinión

Bielorrusia

De cando en vez compre revisar o que acontece noutros lugares do mundo para entender a realidade do propio. Contareilles, pois, o que acontece nese país afastado que é Bielorrusia. 

O país non adoitaba ser noticia nos medios de comunicación de xeito que pensariamos se cadra que alí se vivía nunha estabilidade próxima ao nirvana social.

No ano pasado apareceron escenas de represión diante do cansazo popular por tantos anos de ditadura. Despois, os medios de comunicación desinteresáronse polo que alí acontecía. Hai unhas semanas o secuestro dun avión comercial para deter a un xornalista opositor volveron traer Bielorrusia ao primeiro plano. 

Agora sabemos por boca dos seus escritores que alí se vive unha situación de represión xeneralizada. Existe censura previa e detencións diarias (torturas incluídas) a quen 'atente contra os intereses do estado'. Por mor da identificación goberno=estado, o delito é opinar distinto que o seu ditador Lukashenko. Toda a información é filtrada antes de que poida ser diseminada por calquera medio de comunicación, incluída a rede. A propaganda pro-soviética asolaga a vida política e cultural do país. Parte desa propaganda consiste en facer crer a poboación na supremacía do ruso sobre o bielorruso, que é presentado como unha lingua menor, de potencialidades limitadas.

A situación da lingua bielorrusa deteriórase co paso do tempo e o número de xente que é quen de se expresar correctamente, entender significados complexos e escribir respectando as normas gramaticais diminúe de xeito progresivo.

A situación sóalles coñecida, colixo, e porén a solidariedade cos escritores bielorrusos non é senón continuidade coa nosa propia situación lingüística. 

Eles viven nunha ditadura terríbel e nos vivimos nunha pre-ditadura, insidiosa, pois vai penetrando non só nas estruturas sociais senón tamén nas mentes dos cidadáns, terríbel pois é progresiva e tenaz, e, se non lle procuramos remedio, cada vez máis destrutora da cultura propia. 

Comentarios