Opinión

Babecos

Na mocidade pasei un tempo querendo ser actor. Diante do espello recitaba os monólogos de Hamlet, os parlamentos das bruxas de Macbeth ou o desespero de Sexismundo, o dos soños que soños son. Aínda hoxe, algúns veráns leo Hamlet. Hai uns días atopei unha cita ben acaída para os tempos que corren. Está no Acto III, Escena I, a do famoso monólogo "To be or not to be...."; entra Ofelia e nun dos parlamentos, Hamlet espétalle: "Let the doors be shut upon him, that he may play the fool nowhere but in's own house.", que ven dar algo así como: "Péchalle as portas, que non poida facer o babeco en ningures agás na súa casa". Hoxe, a realidade mostrou a súa faciana menos amábel e tivemos que adiar unha cea entre oito amigos, pois a prometida mesa na terraza pasou ter como alternativa única unha mesa no interior do local, estreito e mal ventilado. Non é a primeira vez nestes meses e, todo hai que dicir, o cansazo vaise instaurando en nós.

Este cansazo é perigoso; convida ao desleixo nos coidados e a relaxación nas formas. Malia que unha porcentaxe elevada da poboación respecta as normas sanitarias (normas básicas de educación), hai un sector crecente que decidiu que o seu modelo de vida é o individualismo refractario. Arboran a bandeira da liberdade e esta non pode existir cando se fundamenta no odio (aos maiores, por exemplo), na información nesgada (negando a realidade obxectiva de mortes e ingresos hospitalarios) e na concepción de que a maior manifestación de civismo e solidariedade é negar eses conceptos por obsoletos e comunistas (!!!).

Os baixos niveis de lectura, os ínfimos de instrución pública, os case inexistentes de urbanidade (sen falar da educación sentimental), unidos a cantidades inxentes de hedonismo refractario a calquera crítica levan ao caos do que lles falaba na semana pasada.

Se cadra o que dicía Hamlet, príncipe de Dinamarca, require matices e uns orzamentos que reforcen a instrución pública, a educación e a cultura.

Comentarios