Opinión

Asimilados

Nestas mesmas páxinas comparei a situación política do noso pequeno país sen estado –Galiza- coa República de Togo. Contáranme que non gustou que chamara “segundóns” os aspirantes, nin que falara de “dinastía” pondo en dúbida o carácter democrático da nosa comunidade autonómica.

Como non gustou aos recalcitrantes, permítanme que persista no pretendido erro comparativo. Hoxe falareilles da República do Congo (en tempos coñecida como Zaire). Na xeira colonial no Congo belga, a metrópole paternalista propiciaba a integración dos nativos a través dunha carta colonial para a protección simultánea dos intereses dos indíxenas e da metrópole belga. Esa aproximación consideraba que algúns dos nativos manifestaban altas calidades humanas aínda que non adoptaran na totalidade os costumes dos brancos. Existía unha especie de gradación de integración que ía dende ‘les coutumiers’ até ‘les assimilés’. Os primeiros continuaban vivindo segundo as leis tradicionais (dereito consuetudinario administrado polos notábeis da tribo)  e os outros vestían como os brancos e adoptaran o xeito de vivir e de pensar dos administradores da colonia. Falábase de varias categorías intermedias, gradación do concepto de ‘evolués’. Na fin, como acontece tantas veces confundíase a orixe étnica e a cor coa ideoloxía e asimilábase a diferenza racial coa diferenza de clases. Grave error que na descolonización levou a que unha caste de ‘evoluídos’ tomar ao poder en substitución da metrópole sen emporiso representar ás clases sociais menos favorecidas.

Os administradores da colonia están dispostos a admitir a indíxenas asimilados, que teñan adoptado os costumes da metrópole, que deixaran atrás a súa lingua orixinal e adoptaran a do poder, que sexan submisos e adoren os símbolos de pertenza ao estado administrador e único.

Aquí, en Galiza, afastados como estamos de ser unha colonia, por suposto, nada é o que parece e nós vivimos na ficción autonómica, como asimilados da metrópole. Por canto tempo?

Comentarios