Opinión

As olladas perdidas

Nos ollos da xente vense reflectidos, agora máis que nunca, os problemas que eles teñen, os seus medos e as súas angueiras, as coidas máis íntimas e nalgúns casos a desesperación. É nos ollos, pois unha parte do seu rostro, aquela que dá idea certa do estado de ánimo, permanece oculta pola máscara. É unha muda importante no xeito de se comunicar, onde unha parte importante do que se denomina linguaxe non-verbal deixou de ter a importancia que tiña antes da pandemia. É unha constatación. Esa mingua nas capacidades comunicativas básicas unida a unha desaparición brutal do contacto interpersoal, está levando a un incremento dos niveis de illamento e agresividade. Certo é que medraron as nosas comunicacións polas pantallas dos ordenadores, mais non está claro que estas conversas a distancia poidan suplir dalgúns xeito o contacto interpersoal.

Esta situación inesperada ten xa unha incidencia sobre a saúde mental do conxunto da poboación, de xeito que a sociedade semella –e no futuro a situación non vai facer senón evolucionar– psiquicamente desestruturada. As institucións terán que elaborar un plan de continxencia para facer fronte a esta situación e as derivacións que dela poidan resultar. Non se trata tan só do pasado senón de estar preparados para os efectos colaterais derivados da extensión no tempo das restricións de actividade.

A saúde física e a psicolóxica estanse deteriorando e a situación económica e social vai ter cada día máis impacto no equilibrio social. Chegou unha pandemia e o noso mundo de certezas mudou. Outras virán e hai que estar preparados para evitar que a fractura social se estenda máis aínda do que xa está.

Polo de agora, segundo a incidencia na vida de cada grupo social, hai unha visión máis ou menos dramática da situación, máis en canto pase esta anestesia parcial e a realidade ataque cos seus cairos afiados, veremos se cadra ‘cousas que farán falar as pedras’. O Parlamento galego, pois, terá que se pór a traballar nun plan.

Comentarios