Opinión

Anomalía

Hoxe, cando isto escribo, é un día triste para a política galega. Dígoo con todas as súas consecuencias, aínda que nunca votei por Pablo Iglesias. Non son moi bo en tarefas de prospectiva, ou sexa predicindo o futuro. Así e todo teño como antecedentes unha bisavoa maga e algo sabia e unha avoa que botaba as cartas, para escándalo do resto da familia, que lle impedía esas prácticas diante dos nenos. 

Falta do líder carismático e aglutinador, a formación que lideraba Pablo Iglesias irá desaparecendo devagar do panorama político do Estado. Sumarase isto á desaparición da outra opción política que naceu máis ou menos na mesma época para ocupar un certo espazo de centro dereita, Ciudadanos. Espero equivocarme na maior, ou sexa no retorno do bipartidismo, placidez (para o capital) e despropósito (para a pluralidade ideolóxica) 

Acrediten ou non, cadaquén coas súas fobias e filias, é un día triste para Galiza. Só a presión de UP + nacionalistas vascos e cataláns sobre os socialistas, podería levarnos algún día (afastado mais probábel) á consecución dunha república federal. 

Sei que algúns non queren nin falar de federalismo. Están a prol da independencia e punto. Sinto comunicarlles que se non é co uso das armas ese obxectivo resulta espurio por inalcanzábel por outras vías. A experiencia recente fala do que aconteceu en Cataluña, na que a independencia durou o tempo dun salaio.

Outros prefiren acumular probas da existencia, que ninguén nega, dun Reino de Galicia pretérito, non está claro se para reinstaurar unha monarquía borgoñoa (non sei se darán localizado os descendentes dinásticos) ou para lexitimar así unha república autárquica. 

Na bóla de cristal vexo bipartidismo a curto prazo e un retorno á alternancia de poder entre a dereita clásica e o centro-dereita moderado. Teremos o aderezo da ultradereita (o terceiro dos partidos emerxentes), mais co bipartidismo reinstaurado serán reducidos en influencia política pola dereita tradicional, integradora de todos os excesos. 

Comentarios