Opinión

Anomalía (II)

Recentemente aprendéronnos –abraio– que a liberdade era un concepto mudábel en todo distinto ao que nos aprenderan na escola, na casa e nas clases de filosofía. Na capital do estado español ese concepto concrétase na vulgaridade de tomar unha caña de cervexa cunhas patacas bravas mentres se espallaban mensaxes de odio dirixidos aos cidadáns e colectivos que non resultan “normais”, ou sexa conservadores con tendencias excluíntes e supremacistas. 

Con ese concepto renovado eses liberticidas refractarios a todo o que non sexan os seus privilexios de herdeiros do aparato franquista, arrasaron nas eleccións a Comunidade de Madrid. A súa vitoria non aconteceu só nos barrios ricos (o esperado) senón nos pobres (desvarío) e nos paupérrimos (asalto á razón).Todo iso porque, como dicía Borges, “a vulgaridade é a norma”. A iso engadiría eu, con respecto, o odio é a norma, como norma son tamén o individualismo máis umbilical e a construción da dinámica do medo para manipular a  opinión pública (e os medios de comunicación, por descontado). 

Trátase dunha anomalía sociolóxica. O voto existiu e daquela o principio básico da democracia foi respectado. Digo anomalía pois iso e non outra cousa é que as clases oprimidas, polas razóns que sexan, decidiran esquecer a observación da realidade e a análise da mesma para se lanzar de brazos abertos a aplaudir aos que os explotan, a adular a quen os despreza, a votar a quen non dubidaría en marxinalos. 

Ese concepto desviado e reaccionario de liberdade triunfou en Madrid. Isto non deixa de ser un encordio, mais non nos afecta maiormente en Galiza. O problema sería que esa tendencia a votar a alternativas políticas radicalmente antidemocráticas se concretase no ámbito estatal e, mais grave aínda, se contaxiase despois no espazo político galego. 

A nosa actitude, se nos guiamos polos votos, non deixa de ser refractaria os cambios, mais, cando menos dende fóra, non se percibe unha actitude belixerante contra a liberdade dos demais.  

Comentarios