Opinión

Abraio

Vigo non é só unha cidade difícil na súa anarquía senón que os seus sucesivos autarcas se empeñaron, e aínda se empeñan, en pechala ao mar, en convertela nunha cidade portuaria onde un pode pasar días enteiros sen ser quen de ver o mar. 

O último episodio nesta saga triste despois desas torres que había que tirar e ninguén tivo os arrestos para facelo, ou dese centro comercial nos peiraos da beiramar, está agora nese estafermo paralelo á Vía do Norte. Ben sei que non será o derradeiro despropósito. Contoume un paxariño que xa hai plans para outros desastres de igual ou superior calibre a este centro comercial que ben de ser inaugurado. Non vou pronunciar o seu nome, non serei eu quen lle dea publicidade, pois iría en contra da miña conciencia (a única que teño). 

As súas proporcións, os seus defectos de construción e acabado (lousas partidas e vidros esnaquizados dende o primeiro día de apertura, xa pronto pingas de auga e lugares baleiros de contido) amais do que se pode entender como privatización da paisaxe é algo que me revolta. Non o podo evitar. Paréceme aberrante e indigno que para ter unha visión da ría como a que hai meses tiña calquera cidadán dende calquera lugar da Vía do Norte, teña un que entrar no ventre da balea que representa ao capitalismo máis salvaxe e menos respectuoso co medio ambiente. 

Dá vergonza allea que o poder local se teña sumado á orxía das celebracións. Os postos de traballo xerados van mudar de mans e de calidade a expensas dos que se perderán noutros negocios. A meirande parte das empresas alí instauradas caracterízanse precisamente por promover postos de traballo de baixa calidade. Apostouse polos grandes espazos baleiros e as grandes marcas de consumo popular en troques de procurar un modelo máis sostíbel e máis diverso. A aposta é claramente ideolóxica e leva implicita unha negación do tecido comercial local, constituíndo un ataque frontal á cidadanía emprendedora para ofrecer ás masas desinformadas ‘pan e circo’. Un despropósito. 

Comentarios